Comunicando Comunidades 2014


Teño unha pregunta para vostede?

19/06/2014
Juan de Sola/Gabriela Sánchez/Alba Sotelo



As primeiras xornadas de contacto coa sociedade salvadoreña permiten ter unha primeira impresión de como están organizados os colectivos comunitarios do Bajo Lempa. Artellar mencanismos de participación como asembleas nas casas comunais vén sendo un dos principais trazos da cultura centroamericana.

Dese vello costume de resolver os problemas colectivos e inquedanzas en xuntanzas bebe a mocidade de Tecoluca.  Tanto é o desexo por fomentar a participación que, cada semana, utilizan os micrófonos de Radio Tehuacán para expresar as súas reivindicacións individuais e grupais.

Na súa pretensión por coñecer máis experiencias e fórmulas de pedir paso na toma de decisións das comunidades, solicitaron un encontro co equipo de Agareso. As reporteiras Alba e Gabriela explicaron o fenómeno de movementos sociais galegos da xente nova que se inspiraron en dinámicas básicas procedentes de Latinoamérica.

Arestora, recoñecen que a imaxe da mocidade salvadoreña está moi afectada polo efecto nocivo das maras. Neste encontro lamentaron verse abocados á autocensura na radio e na vida real para evitar problemas maiores, con serios riscos para a súa integridade.

Nos temas relacionados co futuro das mulleres, e as grandes desigualdades, tamén amosaron ter elevada sensibilidade por combater as discriminacións de xénero. Por tal motivo, confesaron ás dúas voluntarias da ONGD Agareso: "ter unha pregunta para vostedes". 


Agareso recollerá nun documental a experiencia de traballo comunitario no Bajo Lempa

16/06/2014 O proxecto de Prevención de Riscos Ambientais que realizamos en El Salvador gracias ao apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comeza hoxe unha segunda fase. Para poder levala a cabo con éxito un equipo de voluntarios de Agareso, integrado por Juan de Sola, Alba Sotelo e Gabriela Sánchez viaxan rumbo a Centroamérica , equipados con cámaras de vídeo, micros, un guión de documental e variados e interesantes contactos baixo o brazo.



Todos estes elementos ben artellados, sazonados con moito entusiasmo e unha boa cantidade profesionalidade terán como resultado un documental sobre o traballo comunitario no Bajo Lempa a prol do desenvolvemento sostible. Juan de Sola é presidente de Agareso e un profesional cunha dilatada experiencia na radio, Alba Sotelo é especialista en comunicación audiovisual e Gabriela Sánchez xornalista de prensa con un decidido enfoque social.

Como non podería ser doutro xeito a súa primeira parada, será o proxecto de Radio Tehuacán, a emisora comunitaria de Tecoluca coa que levamos traballando os últimos dous anos para que poida contribuír a través da comunicación e a información o desenvolvemento da súa zona de influencia. Juan, Alba e Gabriela pasarán uns días co voluntariado da emisora para recoller a súa experiencia de colaboración para manter nas ondas a pequena emisora.

Despois partirán cara La Pita, a zona onde a nosa contraparte salvadoreña, a Fundación Cordes, executa a maior parte dos seus proxectos de apoio a produción sostible, a pesca artesanal e a sensibilización ambiental. Aínda que Cordes será o principal anfitrión nestes días, o noso equipo reunirase con todo tipo de organizacións que traballan a prol das súas comunidades y sobre todo recollerán a experiencia dos propios habitantes desta zona para que eles e elas sexan os protagonistas deste relato audiovisual.

Entre os temas que abordarán, están os efectos adversos que ten para a saúde o uso de pesticidas para mellorar a produción de caña de azucre e como as comunidades afectadas estanse mobilizando para denunciar a situación, no que a organización MOPAO de agricultura ecolóxica serviralles de guía. Tamén visitarán comunidades que están integradas en cooperativas para poder vivir da pesca ou do cultivo de marallón (anacardo). Coñecerán organizacións de mulleres como Cripdes ou Asmur que contribúen a empoderar ás salvadoreñas para que sexan parte fundamental do crecemento dos seus pobos. 

Poderán observar de primeira man como traballan os comités de protección civil, aos que Cordes está capacitando para que melloren a prevención de riscos gracias a este proxecto.  Sen deixar de lado iniciativas tan importantes como o respaldo ao turismo, coa conformacións de comités cidadáns, e a protección da natureza coa xestión comunitaria das reservas naturais ou a protección das tartarugas mariñas, proxectos impulsados pola ONGD Galega Asemblea de Cooperación pola Paz.


Unha das últimas paradas serán as escolas da zona, nas que Cordes está impartir charlas de sensibilización ambiental para que os máis pequenos aprendan a previr os riscos ambientais, a reciclar e a respetar o seu entorno, dentro tamén do proxectos apoiado polo Fondo Galego.


E tras 15 días empapándose de todas estas experiencias, volverán a Galicia para editar e montar todo este material e construír un documental que servirá para sensibilizar a estudantes de 10 centros educativos galegos sobre a importancia da organización comunitaria e o medio ambiente.  Pero isto será a volta, durante as próxima semanas aprenderemos a través dos seus relatos un pouco máis da importancia de traballar xuntos a prol do desenvolvemento, algo do que os salvadoreños pódenos dar unhas cantas boas ideas. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario